Saltar ao contido principal

Publicacións

Mostrando publicacións desta data: Novembro, 2017

Treydes comigo a lo mar de Vigo

O pasado venres 17 visitamos co alumnado de 3 ESO e 1º de bacharelato o Museo do Mar de Vigo para contemplar a xoia, por excelencia, da lírica profana galegoportuguesa: o pergamiño Vindel. Este manuscrito de finais do século XIII foi cedido temporalmente á Universidade de Vigo pola Morgan Library de New York, que o custodia desde 1977, tras un longo periplo por bibliotecas privadas, iniciado a comezos do XIX na libraría de Pedro Vindel. Contén sete cantigas de amigo, atribuídas ao trobador Martin Codax, seis delas con notación musical, feito case inédito no noso corpus literario medieval, a excepción do pergamiño Sharrer, con sete cantigas de amor do rei portugués Don Dinis. O mesmo día tamén visitamos o Instituto Camões, institución difusora da lingua e cultura portuguesas, e o centro arqueolóxico Salinae, coa única saliña mariña de evaporación solar conservada de todo o Imperio Romano.